O mal do aire

No ambulatorio con urxencias e sen especialidade coñecida agardan cinco doentes a vez sen perdela.
Unhas cadeiras de plástico alegran a sala baixo un neon que chía de vello.
As enfermeiras cruzan a sala de espera.


Enfermeira 1
Non me sexas babiola!
Voz en off
Don, din, don! Doutor Sanjurjo acuda a Traumatoloxía, grazas. Don, din, don!
Enfermeira 1
Aviados van!
Enfermeira 2
Teño como aprehensións ou algo así, xa sabes.
Enfermeira 1
Pero que vos ensinan agora! Veña, pasa, pasa que non che vai morder, muller!
Enfermeira 2
É polo distanciamento.
Enfermeira 1
O que?
Enfermeira 2
O distanciamento afectivo, xa sabes.
Enfermeira 1
O afectivo, claro!
Enfermeira 2
Sinto que aínda non estou preparada para transmitir afectividade a un ser, xa sabes, humano. É algo moi forte para min, así de súpeto.
Voz en off
Din, don din! Doutor Sanjurjo, agárdano en Traumatoloxía, grazas. Din, don, din!
Enfermeira 1
Que esperen sentados. Sabías que o Sanjurjo está liado con Amparito a de administración? Pasan todo o santo día na fotocopiadora.
Enfermeira 2
Que irresponsabilidade!
Enfermeira 1
Mellor aí que nos quirófanos como fai Ameijeira. En canto queda un libre xa está el, e non o fai coas enfermeiras, xa me entendes. Ai, que verde estás! Pasa, pasa.
Enfermeira 2
E se agardamos á próxima quenda? Pouco debe faltar xa.
Enfermeira 1
A próxima quenda? (Ri) Veña toma un grolo e cárgate positivamente.
Enfermeira 2
Bebes no traballo?
Enfermeira 1
Ía estar unha servidora aquí senón! (Prende un pito)
Enfermeira 2
E tamén fumas!
Enfermeira 1
Estouno deixando. A que si fumaba era Gracita, contáronche a historia de Gracita a resucita mortos? Unha vez conseguiuno cun home de 90 anos que tiña a próstata coma unha sandía, aplaudiu todo o quirófano, a piques estivemos de poñer unha placa...
Enfermeira 2
Por deus, déixao!
Enfermeira 1
Que cruz vou ter contigo, mimá! Veña pasa dunha vez.


As enfermeiras saen e na sala de espera o silencio cómeo todo ou case. Tolomeu sinte unha dor intensa no seu xeonllo esquerdo, visiblemente inflamado.


Bara
Que pasa?
Tolomeu
Nada.
Bara
Dóeche?
Tolomeu
Non.
Bara
Queres algo?
Tolomeu
Déixao xa!
Bara
Síntoo
Tolomeu
A ver se saímos de aquí dunha vez.
Bara
Os seguintes somos nós.
Tolomeu
Eu.
Bara
Que?
Tolomeu
O seguinte son eu.
Bara
Si, ti, claro! Xa falta pouco.
Tolomeu
A que lle chamas ti pouco, eh? Xa me dirías o pouco que levamos aquí se a que estivera mal foses ti.
Bara
Nin que tivera eu a culpa...
Tolomeu
Non?
Bara
Como...
Enfermeira 2
Carmen Meijón, Carmen Meijón está por aí? (A Carmen lle cae a calceta ao chan) Moi ben, moi ben. Vai xusto despois deste señor con tan mala cara. (Sinala a Tolomeu) Moi ben, queda alguén por receitas? Seguro que non hai ninguén por receitas? Non, ben, moi ben. Estamos todos os que somos, así da gusto, si, si, si.
Néstor
Perdoe.
Enfermeira 2
Dígame señor paciente.
Néstor
Pode mirar se estou eu?.
Enfermeira 2
Claro que está, é algo evidente, e ata podería engadir que está un pouco nervioso. Quere uns calmantes? Non, moi ben. Alguén por receitas? Que se despistan e logo pasa o que pasa…
Néstor
Na lista.
Enfermeira 2
Perdón?
Néstor
Se estou na lista, señora.
Enfermeira 2
Señorita, que lle parece? Anda unha tan liada. Pois non o vexo por aquí. Ai, que parva estou! Pode dicirme o seu nome, por favor?
Néstor
Néstor Seijas.
Enfermeira 2
A ver, a ver, a ver. Bermejo, Meijón, non, non. Seijas, Seijas, Seijas, Néstor. Aquí está, vai xusto despois de Meijón, esa señora tan pálida. (Sinala a Carmen Meijón)
Néstor
Grazas.
Enfermeira 2
Non se merecen. Queda alguén por receitas? Non o volvo repetir máis, queda alguén por receitas? Ai! Pois repetino. Moi ben, moi ben, somos todos os que estamos. (Sae)
Pío
A enfermeira?
Néstor
Meteuse agora mesmo.
Pío

Outra vez!
Néstor
Chámea.
Pío
Mellor agardo un cacho máis.
Néstor
Leva moito tempo agardando?
Pío
Moito si, creo. É polo resultado dunha análise dende hai non sei, moito tempo creo.
Néstor
Que ten vostede?
Pío
Unha fe inquebrantable...
Néstor

Para necesitar unha análise.
Pío
A vida!
Néstor
Sempre acaba por pasarnos factura.
Pío
Quen?
Néstor
O que facemos.
Pío
Onde?
Néstor
Na vida.
Pío
En cal?
Néstor
Cada un na súa.
Pío
Vostede cre?
Néstor
Cos ollos pechados.
Pío
E se os abre?
Néstor
Pois vexo, non si?
Pío
E segue a crer?
Néstor
En que?
Pío
No que cría antes.
Néstor
Antes de que?
Enfermeira 1
(Entra) Carmen Meijón?
Enfermeira 2
(Desde fóra, berra) Montse, Montse, moveuse, moveuse…
Enfermeira 1
Distanciamento afectivo, bonita. Carmen Meijón?
Enfermeira 2
(Desde fóra) Mooooooontse!
Enfermeira 1
(Sae. Desde fóra) E agora que pasa?
Enfermeira 2
(Desde fóra) Mira aí, mira aí, que noxo, por favor!

Escóitanse berros, mobles caer e finalmente uns golpes secos de martelo esnaquizando osos dunha cabeza con pouca fortuna.

Enfermeira 1
(Desde fóra) Xa está.
Enfermeira 2
(Desde fóra) E agora quen limpa todo isto?
Enfermeira 1
(Desde fóra) Que ben o tería pasado Gracita con este. (Entra) Carmen Meijón? (Carmen fai un ruído gutural) Moi ben, Tolomeu Bermejo? (Tolomeu ergue o brazo) Ben, vai despois desa señora.
Tolomeu
Pero...
Enfermeira 1
Néstor Seijas?
Tolomeu
Escoite…
Enfermeira 1
É vostede Néstor Seijas?
Tolomeu
Non.
Enfermeira 1
Entón agarde, Néstor Seijas?
Néstor
Si, si, aquí señorita.
Enfermeira 1
Señora, se non lle importa, vai despois deste señor tan nervioso.
Néstor
Ben.
Tolomeu
Pode atenderme agora?
Enfermeira 1
Non.
Néstor
Para recoller o resultado dunha análise?.
Tolomeu
Ten que haber un erro, eu era o primeiro.
Néstor
Para as análises?
Enfermeira 1
Escoitoume dicir algo de volantes para análises, non verdade? Pois entón non amole, ademais vostede non está aquí para consulta?
Néstor
Si, para consulta.
Enfermeira 1
Entón a que ven esa teima coas análises?
Néstor
E para un amigo.

Enfermeira 1
Acabaramos!
Tolomeu
Ten que ser un erro.
Enfermeira 1
Por suposto, aquí non se dan os resultados das análises aos amigos. Non sei como non se lle cae a cara de vergonza…
Tolomeu
Pode atenderme dunha vez?
Enfermeira 1
Non berre. (Berra) Todos levamos aquí moito tempo, creo, e non nos poñemos a berrar. Ve vostede que alguén berre, non verdade? Sería de tolos, todos berrando: ai, ai, aténdame a min, a min! Ai, como me doe, a min, a min primeiro! Hai que ter un pouco de, e aturar en silencio, que ten moito mérito, sen poñerse a berrar como un mexericas. Hai que ir aprendendo a tragar, a tragar e a tragar. Vai entendendo de que vai isto? Pois trague! A ver, que era iso tan importante que non podía esperar?
Néstor
Señora, podería…
Enfermeira 1
(Berra) Que lle doe agora?
Néstor
Nada, nada...
Enfermeira 1
(A Tolomeu) Que, non fala? Estámosche ben!
Tolomeu
Eu estaba de primeiro e agora resulta que vou despois desa señora.
Enfermeira 1
O seu nome?
Tolomeu
Tolomeu Bermejo.
Enfermeira 1
Bermejo, despois de Meijón. Se ten algunha reclamación que facer, por escrito en administración se atopa a Amparito. Ala, e que lles preste! (Sae).
Pío
A enfermeira?
Néstor
Meteuse agora mesmo.
Pío
Chamareina?
Néstor
Mellor agarde un cacho máis.
Bara
Cariño, senta.
Tolomeu
Non empeces ti tamén…
Bara
Que fixen agora?
Tolomeu
Cala xa!

arquivo

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP