O aire do condenado

O espazo vai minguando ata ficar concentrado nun punto pequeno e lixado.

Enfermeira 2
(Desde fóra) O seguinte!

Todos na sala de espera ollan para Carmen.


Tolomeu
Que fai?
Bara
Señora, señora, señora. (Carmen óllaa) Tócalle a vostede, xa pode entrar.

Carmen sorrí docemente e segue a calcetar.

Tolomeu
Está tola ou que?
Bara
Baixa a voz.
Tolomeu
Pero, pero que fai?
Bara
Calceta.
Tolomeu
Hai que foderse! E dálle co clic, clac, do demo.
Bara
Xa faltou máis.
Tolomeu
Para que? Se nin sequera sabemos canto tempo levamos aquí. Xa faltou máis, xa faltou máis, non entendo como podes dicir tantas parvadas con tan poucas palabras, debe ser unha habilidade innata, ou algo así.
Bara
Síntoo.
Tolomeu
Pódese saber que carallo sentes? A min gustaríamo saber, non sabes ti canto. Pero non o sei, mira ti! Non podo adiviñar que sentes tanto, porque ti es un síntoo con patas. Síntoo, síntoo, síntoo...
Bara
Se che presta enfádate comigo, por variar.
Tolomeu
Ai, pobriña ela! Ui! Síntoo.
Bara
Non sei por que pensas que todo o mundo quere amargarte a vida.
Tolomeu
Outra volta con iso. Mira, eu non creo que ao saír da súa casa esa paisana decidira foderme o día a min concretamente, non o creo. Pero á vista está que conseguiuno plenamente e como eu son unha persoa normal cando alguén me fode o día póñome de mala hostia, xa ves manías que che teño.
Néstor
Probou a relaxación aerobia?
Tolomeu

E vostede probou ir ó carallo?
Néstor
Era por axudar.
Bara
Grazas e perdoe.
Pío
Levan moito tempo aquí?
Bara
Non moito, creo.
Tolomeu
Non moito! Ti es parva ou es parva, senón non se explica. (Peta ca man na fronte de Bara). Ruliña levamos aquí a hostia de tempo, máis do necesario, máis do preciso, máis do que deberiamos. Méteo nesa caixa oca. (Peta ca man na fronte de Bara).
Bara
Tolomeu! Aparta violentamente a man de Tolomeu e recibe un sopapo) Tolomeu!
Tolomeu
A culpa foi túa, así que non te queixes. (Bara trata de non chorar) Síntoo! Pobriña ela! (Dálle palmadas na caluga)
Bara
Para, por favor!
Tolomeu
Cando ti digas. (Segue a darlle palmadas na caluga) Agora, ou mellor agora, ou un pouco máis tarde?
Bara
Para xa!
Tolomeu
Síntoo! Como non o dixeches un pouquiño antes. É tan sufridiña, ai! Non sei que vou facer con ela. (Agarra unha orella de Bara e retórcella).
Bara
Sóltame.
Tolomeu
Agora?
Bara
Si.
Tolomeu
Non prefires un pouco máis tarde?
Bara
Sóltame xa! (Dálle unha patada no xeonllo inflamado).
Tolomeu
Vasme deixar coxo, puta!
Bara
Non hai coxo bo.
Tolomeu
(Non pode moverse coa dor) Putas frases feitas! Vas comelas todas xuntas.
Bara
(Patada no mesmo xeonllo) Non hai dúas sen tres!


Pío sufre un ataque epiléptico parcial jacksoniano e cae ao chan.
Néstor e Bara van no seu socorro.


Néstor
Que lle pasa?
Bara
Métalle algo na boca, antes de que se arrinque a lingua.
Néstor
(Mete a man na boca de Pío) Ai!
Bara
Métalle o libro.
Voz en off
Din, don, din! Doutor Sanjurjo acuda a Traumatoloxía, veña home. Grazas.
Bara
Chama ás enfermeiras.

Tolomeu, vai onde as enfermeiras. Pío fica teso coma un pau.


Néstor
Calma home!
Bara
Non o escoita, agárreo.
Néstor
Non escoita?
Bara
Non.
Tolomeu
(Entra) Din que de seguido ven o doutor Sanjurjo.
Néstor
Estamos aviados!
Tolomeu
Coñéceo?
Néstor
Pouca xente sabe o aspecto que ten. Como vamos compañeiro?
Bara
Non pode escoitalo.
Tolomeu
É epiléptico, non xordo pailana.
Bara
Ignorante.
Tolomeu
Fríxida.
Bara
(Patada no xeonllo) Cala e axuda.
Tolomeu
(No chan) Puta!
Bara
A epilepsia provoca normalmente alucinacións auditivas e visuais, polo que é mellor non engadir novos estímulos.
Néstor
Alucinacións?
Tolomeu
Tarada grandilocuente. (Asfixia a Bara sobre o corpo de Pío) Algunha alucinación auditiva ou visual?
Bara
Si, semellas un ser humano, cabrón!
Enfermeira 1
(Entra) Están tolos ou que, e ese home no chan?
Néstor
Tivo un ataque.
Enfermeira 1
Xa pasou?
Néstor
Si.
Enfermeira 1
E a que esperan? Senten a ese pobre home, que traballo máis ruín, meu deus!
Néstor
Non habería que darlle algo?
Enfermeira 1
Cantas veces lles teñen dito que non se automediquen, cantas, eh? Non ven os anuncios, non atenden as campañas informativas, por favor.(Toma unha pílula vermella).
Néstor
Pero vostede…
Enfermeira 1
Eu que? (Engulipa o resto do bote das pílulas).
Néstor
Debe saber.
Enfermeira 1
Se eu lle contara! Pero este non é o lugar nin o momento. Avisaron a un médico?
Tolomeu
A súa compañeira foi na procura do doutor Sanjurjo.
Enfermeira 1
Pois xa virá. (Sae)
Voz en off
Don, din don! Doutor Ameijeira, agárdano en quirófano tres, quirófano tres, tres. Doutor Sanjurjo, déixeo. Don, din, don!
Tolomeu
Decatouse de que a vella nin se inmutou?
Néstor
Si.
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac, clic, clac…
Pío
(Un doce arrecendo percorre o seu nariz) Corpo de Cristo! (Morde unha orella de Tolomeu) Amén!
Tolomeu
Cabrón!

Pío chora coma un neno perdido.

Néstor
Xa pasou, veña home…
Bara
Non lle fale que é peor.
Tolomeu
(Olla para Carmen) Clic, clac, clic, clac…
Pío
Fun eu, fun eu, a culpa foi miña, non sei que fixen pero fun eu. E as bágoas non salvan, non salvan, fun eu.
Néstor
Fomos todos.
Pío
Fun eu. (Abre os ollos coma pratos) Non quero velos, así non. (Chora e vai meterse debaixo dunha cadeira).
Bara
(A Néstor) Déixeo.
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac, clic…
Bara
(A Néstor) Déixeo.

Néstor

Creo que precisamos un pouco de flexibilidade mental para enfrontarnos a unha realidade digámoslle, intrigante. De primeiras todo semella un típico caos funcionarial pero iso incriblemente non nos serve neste caso, polo tanto sexamos flexibles. Xa ve, no fondo a situación é un gratificante enigma intelectual.
Bara
Non entendo onde quere ir pa...
Néstor
Comparto a súa opinión, eu teño uns días moi sinalados e horas preestablecidas para obrigarme a dicir cousas que non entendo nin me preocupan o que non teño moi claro e que agora sexa un deses días, é o que eu chamo a seguridade da indefinición. E sabe cal é o motor que me permite facer esas piruetas dialécticas?
Bara
Sorpréndame.
Néstor
A flexibilidade, a flexibilidade.
Bara
Se o final todo vai ser cuestión de facer un pouco de exercicio.
Néstor
Xa fago, non crea! Cando teño tempo corro un pouco e logo fago unhas táboas específicas de ximnasia.
Bara
Pois moi ben.
Néstor
Sempre nesa orde, primeiro corro un pouco e logo fago unhas táboas específicas de ximnasia.
Bara
Ximnasia, si.
Néstor
Non, primeiro corro un pouco e logo fago unhas táboas específicas de ximnasia. Que parece que non me explico, non é facer ximnasia é correr primeiramente un pouco e logo facer unhas táboas de ximnasia.
Bara
Específicas.
Néstor
Específicas si, específicas, así é como é.
Enfermeira 1
(Entra) Para o resultado das análises?
Néstor
Ese señor (Sinala a Pío que segue baixo a cadeira).
Enfermeira 1
Alguén máis?
Enfermeira 2
(Entra) Alguén para receitas?
Enfermeira 1
Mona, isto tócame a min, ti pasa e remata o choio.
Enfermeira 2
Montse…
Enfermeira 1
Nin Montse, nin hostias…
Enfermeira 2
Alguén para receitas? Non o penso repetir, alguén para receitas? Por favor, pidan unha receita, só unha. (A Montse) Non quero ir, non quero.
Enfermeira 1
Dásme vergoña allea.
Enfermeira 2
Polo que máis queiras!
Enfermeira 1
Xente coma ti é a que escaralla está profesión tan bonita, estarás contenta? Pasa!
Enfermeira 2
Non!
Tolomeu
Enfermeiras!
Enfermeira 1
Auxiliares técnicas sanitarias se non lle importa.
Tolomeu
Non, pero a señora que tiña que entrar…
Enfermeira 2
(A Montse) Por que teño que ser eu? Coa cantidade de xente disposta a facelo, así con discreción e bo ánimo. É importante o bo ánimo, non si?
Enfermeira 1
Si moito, ala pasa!
Enfermeira 2
(Berra) Non, por cristo bendito, nonnnnnn !
Pío
Amén! (Persígnase, ponse de xeonllos e semella pregar a alguén)
Enfermeira 2
(Meditabunda e co uniforme lixado de sangue entra) Como puido crear o noso señor semellantes máquinas de inmundicias e logo dicir que somos a súa imaxe e semellanza. (Detense diante de Pío e abre os brazos) Que é o ceo, unha lameira de pus e excrementos.
Pío
Amén! (Persígnase)
Bara
Rosaura, Rosaura Pujalte?
Enfermeira 2
Si.
Bara
Bara, Mª Bara Requeijo Tojeiro, lembras? Das Filipensas sacramentais, eu sentaba xusto detrás túa. (Canta) “Soy feliz, soy feliz cuando recibo. Soy feliz cuanto más y más me dan. Pero hoy he hecho un gran descubrimiento. Soy mucho más feliz al dar”.


Rosaura Pujalte sae afogada en bágoas.


Enfermeira 1
Estará contenta, morbosa!

arquivo

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP