O aire do morto

Post hoc, ergo proper hoc.
O silencio da sala de espera fai augas por mor dunha mosca obsesionada cun bico dun tubo fluorescente moi indeciso.


Pío

Xa foi?
Néstor
Si.
Pío
O que?
Néstor
As análises.
Pío
Que análises?
Bara
Aínda está baixo os efectos do shock.
Pío
Que shock?
Tolomeu
Non lle fago caso.
Pío
Que facemos aquí?
Néstor
O enigma dos enigmas, meu amigo.
Pío
Aquí, nesta sala.
Néstor
Iso concreta máis a cuestión pero aínda así precisariamos unha análise completa.
Tolomeu
(A Carmen) Clic, clac, clic, clac...
Néstor
Non nos precipitemos, primeiro ordenemos a información da que dispoñemos. Sabemos a que vimos aquí, este señor por unha análise completa e os demais para consulta.
Bara
Eu non, eu deixei todo por acompañar a ese hipocondríaco paranoico. (Aparta coa man a mosca namorada)
Tolomeu
Este vulto é hipocondríaco, mona!
Bara
Psicosomático, imbécil!
Néstor
Ben, unha análise, dúas consultas e unha por obrigas.
Tolomeu
E ela? (Sinala a Carmen)
Néstor
Teremos que supoñer que consulta xa que está na lista cos demais.
Pío
Canto tempo levo aquí?
Néstor
Por lóxica non pode ser moito, podo observar que non se produciron cambios visibles nin no entorno nin en nós polo tanto desde un punto de vista…
Pío
Que senten vostedes?
Tolomeu
Nada.

Bara olla intrigada a Pío, sen saber moi ben como responder a pregunta que ven de facer. Tolomeu non deixa de seguir os movementos da calceta de Carmen.


Néstor

Tomarei nota de todo, así evitaremos a reiteración e polo tanto a perda de tempo. Estarán comigo en que non hai nada máis estéril que a reiteración reiterada. Observan o monótona que resulta? Iso é o que temos que evitar.
Bara
Maldita mosca! Leva todo o día dando a lata. (Afasta a mosca coa man)
Pío
É verde?
Bara
Pesada!
Pío
Tiña dúas ás, seis patas e unha ollada así como dispersa?
Bara
Non se excite de máis.
Pío
Esas son as peores.
Néstor
Que dixo antes?
Tolomeu
Nada.
Néstor
Non, vostede.
Bara
Non se excite de máis.
Pío
Sempre hai algo máis.
Néstor
Exacto.
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac…
Néstor
Escoiten: maldita mosca! Leva todo o día dando a lata.
Pío
E eu dixen…
Néstor
É verde? Pero iso é intranscendente.
Pío
Sabe algo do marabilloso mundo dos insectos que eu non saiba?
Néstor
Escoiten: Maldita mosca! Leva todo o día. Decátanse? Non é unha frase casual, reflexa unha reflexión inconsciente, unha lóxica pura. Se esa mosca como eu penso non perseguiu á señorita desde a casa.
Pío
Moi pouco probable.
Néstor
Entón, sabemos con case total certeza que levamos aquí todo o día.
Bara
Dedución racional pura.
Néstor
Non se dispersen, xa sabemos por que estamos aquí e canto tempo levamos esperando, exactamente todo o día.
Tolomeu
E iso de que nos serve?
Néstor
O saber nunca é inútil niso estarán comigo.

Silencio longo.

Tolomeu
E ela?
Pío
Ela?
Tolomeu
Si.
Bara
Non o escoiten.
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac… (Encárase a Carmen). Que facemos aquí? Conteste, por que estamos aquí? Que vai pasar? (Carmen sorrí docemente) Conteste, por que ten que ser así? Por que, por que? (Cae de xeonllos diante de Carmen) Conteste polo amor de deus!
Pío
(Cae de xeonllos tamén e prégalle a Carmen) Ave María purísima, é certo. Aquí me tes de xeonllos, repetidamente, sigo aquí insistentemente. Olla para min, olla para min. (Racha a camisa e vese o cilicio que leva arredor da cintura). Sangue para ti, dor para min, podo aturar o que sexa, teño que facelo por ti, por min, por todos. Fun eu, fun eu, si, fun eu, e xa non se poden cambiar as cousas, que teño que facer agora? Olla para min, olla para min. (Quita os pantalóns e amosa as pernas cheas de cortes) Pola miña culpa, pola miña grandísima culpa. Non merezo estar aquí de xeonllos, son tan miserable, tan imperfecto, tan débil. Olla para min, olla para min. (Golpearse contra o chan e as cadeiras) Olla para min, olla para min.
Enfermeira 1
(Entra) O que faltaba. (A Pío) Vostede poña a roupa, e deixe o mobiliario en paz. Que traballo máis ruín! (Sae)
Bara
Saiamos de aquí.
Néstor
Supoñamos que fose posible…
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac…
Néstor
Consecuentemente existirán unhas fases ou condicións que haberá que cumprir. Supoñamos que somos quen de identificar esas, digamos, condicións necesarias e suficientes. Unha vez feito isto deberemos supoñer que está na nosa man levalas a diante cousa moi arriscada a estas alturas. O que nos leva a supoñer que a premisa de partida, é dicir a suposición da posibilidade de saír de aquí e moi pouco probable, aínda que é posible que non. Estou por afirmar que a pregunta de partida está mal formulada.
Bara
Só temos que saír e xa está.
Néstor
(Ri coma un tolo) Saír, saír di, así sen máis, pero en que mundo vive vostede? Perdoe a miña franqueza, observa o matiz tan cruel desta palabra? Franqueza, franqueza, franqueza...
Pero non se perda todo iso non son mais que suposicións, supoñamos, supoña. Vou ter que facerlle un fogar quente a este verbo tan apañado e pouco comprometedor. Exactamente á primeira persoa de singular do presente de indicativo “supoño”, cun fermoso signo de interrogación “supoño?” (Ri). Supoño que iso me fixo graza. (Escacha a rir).
Bara
Que lle pasa?
Néstor
Nada, supoño. (Ri ata chorar)
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac…
Enfermeira 1
(Desde fóra) Vas tragar polas boas ou polas malas, como me chamo Montserrat Gil Fagilde que vas tragar.
Enfermeira 2
(Desde fóra) Eu non son coma ti, eu non son coma ti, eu non son. (Entra medio espida e cuberta de sangue). Eu non quero seguir con isto, son inocente, inocente.
Enfermeira 1
(Entra) Non fuxas puta.
Enfermeira 2
Eu son inocente!
Enfermeira 1
(Colle polo pelo a Enfermeira 2) Vas ver o que é xogar aos médicos en serio.
Enfermeira 2
Son inocente, inocente, por favor non, iso non.
Enfermeira 1
Parviña! Que vas asustar aos señores pacientes, e xa teñen de abondo co seu. (Saen)


Tolomeu lixa a cara co sangue que deixou no chan a Enfermeira 2.

Enfermeira 1
(Desde fóra) Traga, hostia!

Enfermeira 2

(Desde fóra, coa boca chea). Nooonnn!

Bara recolle as súas cousas.

Néstor
Onde vai, onde vai?
Bara
Voume.
Tolomeu
Clic, clac, clic, clac…


Bara vai cara a porta mais ao chegar a soleira detense. Néstor curioso vai cando ela e tenta botar o brazo fóra mais non é quen e recua. Bara volve e senta, Pío de xeonllos e cos brazos abertos prega en silencio aos pés de Carmen que non deixa de calcetar.
De lonxe chegan as voces das enfermeiras, Montserrat repite como ladaíña “traga”, e Rosaura berra case sen voz xa. Pouco a pouco vai gañando o silencio e ó remate só se escoitan as agullas de calcetar de Carmen, clic, clac, clic, clac, clic, clac…


Enfermeira 1
(Entra) Carmen Meijón, Carmen Meijón? (Le no volante). Xordomuda, é xordomuda a desgraciada! (Cóllea do brazo) Vamos Carmen que lle toca a vostede.
Carmen
O!
Enfermeira 1
Si muller. (Saen) Mira bonita o que che traio.
Enfermeira 2
Outro máis non, polo que máis queiras, outro non!
Enfermeira 1
O seguinte!


A mosca namorada morre electrocutada polo seu amor e a sala de espera fica máis escura aínda que os corazóns dos catro doentes. Escuro final.

arquivo

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP